31 may 2015

Xulio Correa e a fotografía da meteoroloxía e o clima

O xoves 29 de maio contamos coa presenza de  Xulio Correa no noso instituto. O fotógrafo e profesor veu a impartir o obradoiro "Como fotografar a meteoroloxía e o clima". A actividade tivo lugar na biblioteca,  que se encheu ata os topes  de "afeccionados" de secundaria, bacharelato, FP e mais profesores de diferentes materias. Xulio presentounos 16 "carpetas" tituladas Ceos, Altura, Contraluz, Flora, Chuvia, Neve, Vento, Lusco fusco... que contiñan cadansúa serie de imaxes. Apoiándose na proxección destas dotografías, o autor foi debullando durante unha hora diversas técnicas e consellos para fotografar o clima, cunha cámara reflex ou coa cámara do móbil, defendendo a idea de que facer unha boa foto non depende da calidade da cámara que usemo. Explicounos tamén a importancia de aspectos tan fundamentais como escoller ben "o donde" ou "o cando". Asimesmo destacou tamén a importancia da paisaxe, da flora ou da figura humana para fotografar o clima, xa que nelas podemos percibir o tempo atmosférico. Finalmente unha serie de "trucos caseiros" tales como a mira dunha porta, as lentes de aumento de algún familiar, unha lupa ... para mellorar a cámara do móbil, foron recibidos con entusiasmo polos participantes. Ao remate Xulio atendeu personalmente a todos os que quixeron achegarse a conversar con el e despediuse deixándonos unha fermosa dedicatoria no libro das Sinaturas dos Autores.
Moitas grazas, Xulio, todos esperamos volver a contar contigo para vindeiras ocasións!!!

14 feb 2013

Natalia Carou na Cova Céltica do Wirtz

        Hoxe reunímonos con Natalia Carou na biblioteca para comentar a súa novela O alento nas costas. Un grupo de alumnos e alumnas de 1º de bach compartiron con ela durante pouco máis dunha hora, impresións, opinións, emocións... A verdade que a reunión estivo rodeada de misterio, con lendas e crenzas propias da zona de Rianxo e que a escritoria foi repasando no club, como o relacionado coa aldea maldita de Abuín, e as presenzas estrañas que algunhas persoas perciben cando visitan a dita aldea. A autora ilustrou a súa intervención cunha presentación de fotografías dos lugares referenciados na obra. O alumnado estivo tamén moi activo, con preguntas e opinións moi interesantes. No remate Natalia asinou exemplares e regalounos cun secreto que non podemos desvelar...



Dedicatoria de Natalia Carou
 

4 dic 2011

SEMTIMENTALISMO

dedicatoria

A escritora Olga Patiño fíxonos un agasallo moi especial. Tràtase dun exemplar do primeiro libro da  vangarda artística galega recentemente fundada e que os propios fundadores, entre os que se atopa a autora, denominan "Sentimentalismo". Este libro ten para a nosa biblioteca un significado moi especial, xa que contén unha fermosa dedicatoria dirixida ao noso alumnado.

30 nov 2011

CLUB DE LECTURA VALADOS

O próximo xoves 1 de decembro ás 16.30, nova sesión de club de lectura, esta vez para 2º de ESO. Valados é o conto escollido, escrito por Agustín Fernández Paz e ilustrado por Xan Domínguez. Contaremos tamén coa participación de Alfonso Diz Sixto, profesor de ensino secundario.
Agustín Fernández Paz

"Helena e Xoel son amigos inseparables, non hai horas que lles cheguen para estaren xuntos. Na súa vila comezan a suceder feitos que os desacougan; semella que un vento estraño varreu a alegría das rúas e deixou no seu lugar odio, xenreira e medo. Axiña se erguen altos valados para separar e illar unhas persoas doutras. Valados visibles, e tamén invisibles, que afastan a Xoel e a Helena. Os dous terán que idear mil e unha artimañas para manter viva a intensa amizade que os une.

Valados é un libro sobre a amizade por riba de todas fronteiras e de todos os valados. Un libro sobre a fraternidade,sobre a igualdade e liberdade a que todos os seres humanos sen distinción de ningún tipo temos dereito.

29 may 2011

Pere Tobaruela no Wirtz

 

O pasado mércores o escritor Pere Tobaruela estivo no noso faladoiro para comentar co alumnado de 3º de ESO a súa novela Na cerna da selva.
Dedicatoria que Pere escribiu no libro das visitas.
Cris Asensio

13 may 2011

Cándido Pazó no Wirtz




Esta semana o actor e director teatral Cándido Pazó estivo con nós para ofrecernos un dos seus divertidos monólogos. Os espectadores, de primeiro ciclo da ESO, pasárono en grande. Desde aquí os nosos parabéns.

6 may 2011

Club de lectura con Marica Campo


Marica Campo participando no noso club de lectura. Falounos do seu libro de relatos Confusión e morte de María Balteira e da importancia de ler afirmando que a lectura fainos libres. Velaquí a fermosa dedicatoria que nos deixou.
Alumnas e alumnos de 1º de bacharelato