19 ene 2011

O xoves, 2 de decembro pola tarde, tivemos un club de lectura na biblioteca do noso instituto, con alumnas e alumnos de 1º de bacharelato. Pasamos un rato moi entretido comentando diferentes aspectos da novela de Darío Xohán Cabana. O que máis nos sorprendeu a todos foron as viaxes através do tempo do protagonista Galván, desde o presente até a idade media. Velaquí algúns dos comentarios dos lectores que participaron no clube

      "Gustoume a despedida de Galván de Masito e Inés, coa carta e os agasallos que lles deixou; unha luva de coiro, unhas moedas dentro dun pano bordado con fíos de ouro que formaba por un lado a figura dun falcón e por outro a figura do rei Artur"  Adriana Jiménez Ferrío (1BC-2)
      "Foi emocionante cando Galván gañou as batallas aos cabaleiros de cores coa forza do sol"  Ana Domínguez Viejo ( 1BC-1)

      "A min gustoume moito a escena na montaña do Santo Grial porque era un lugar máxico pero o que se vivía Galván nese momento era real. A min esa escena fascinoume" Paula Manteiga (1BH-2)

     "Gustoume moito pola maxia de pasar dunha época a outra"    Alexandra Parceiro Lence (1BH-2 )
     
"Gustoume o libro polo ambiente relacionado coa maxia e tamén porque apareza un castelo e unha fermosa dama e que xorda o amor co cabaleiro" Mª Soledad Muíño Lema (1BC-2)

17 jun 2010

REPASAMOS AS NOSAS LECTURAS

Como neste curso tivemos un pouco abandonado o blogue, deixamos a modo de recordatoria algunha das nosas lecturas neste ano 2009/10

21 abr 2010

MARCAPÁXINAS

Ola!! Para facer a sesión de marcapáxinas do martes, teño fotos de todos os libros deste ano, e case todas do ano pasado, así que facede comentarios dos que queirades.
VÉMONOS O MARTES!!

7 abr 2010

O SEÑOR IBRAHIM E AS FLORES DO CORÁN

Ola de novo!!
Sinto tervos un pouco abandonados, pero volvo de novo con máis ganas que nunca!

Neste mes estamos lendo O SEÑOR IBRAHIM E AS FLORES DO CORÁN, de Eric- Emmanuel SCHMITT.


Momo é un adolescente xudeu, desorientado e orfo de agarimo. Ibrahim é un tendeiro musulmán, de carácter reflexivo e pausado, cunha visión da vida marcada pala perspectiva e a experiencia dos anos. Dous habitantes solitarios da rúa Azul, no París dos anos 60, que traban unha entrañable amizade que trascende as súas respectivas crenzas. Un aporta vitalidade, o outro sabedoría...




QUEDAMOS O MARTES DÍA 13 DA ABRIL AS 11:00 NA BIBLIOTECA!!!

10 feb 2010

Un video a proposito do libro

COMEZAMOS NOVA LECTURA

Nesta ocasión e seguindo a nosa SINGRADURA, atopámonos no N de novela negra e escollemos como lectura "A PRAIA DOS AFOGADOS" de Domingo Villar.

Deixovos unha sinopse:
Despois do éxito de Ollos de auga, con máis de 10.000 exemplares vendidos, Domingo Villar preséntanos A praia dos afogados, unha apaixonante novela de intriga que mergulla o lector no mundo da Galicia mariñeira, desde os areais das Rías Baixas á paisaxe urbana e as tabernas da cidade de Vigo. A novela parte dun descubrimento estarrecedor. Unha mañá, o cadáver dun mariñeiro é arrastrado pola marea ata unha praia da vila de Panxón, na ría de Vigo. Se non fose porque ten as mans atadas cunha brida de plástico, Xusto Castelo había ser outro mariñeiro que encontrou a súa tumba entre as ondas mentres pescaba. Sen testemuñas nin rastro da embarcación do finado, o lacónico inspector Leo Caldas mergúllase no ambiente mariñeiro para tratar de clarexar o crime entre homes e mulleres que recean de desvelar as súas sospeitas e que, cando deciden falar, apuntan nunha dirección insólita de máis. Un caso difícil para Caldas, que pasa malos momentos: o único irmán do seu pai está enfermo de gravidade e a súa colaboración no programa radiofónico de Onda Vigo estase volvendo cada vez máis inaturable. Tampouco non facilita as cousas o carácter arroutado de Rafael Estévez, o seu axudante aragonés, que non se dá adaptado á retranca e os sobreentendidos dos galegos. Domingo Villar volve introducir o lector nunha intriga sen acougo. Unha pescuda policial que, nesta segunda novela protagonizada polo inspector Leo Caldas, tamén é unha esculca na memoria e nas ilusións fanadas.

8 feb 2010

XUNTÁMONOS O MÉRCORES 10 DE FEBREIRO

Nas portas do entroido, temos unha nova xuntanza para falar do noso libro do mes "O curioso incidente do can á media noite". Sei que algún de vos xa o rematastes e outros andades niso... En calquera caso espero que está vez fora unha boa elección.

A propósito do libro, un dos enigmas máis sorprendentes para min foi o de "As tres portas de Monty Hall".
Deixovos un enlace no que o explica cun simulador de xogo e un video coa explicación gráfica


http://javimoya.com/blog/2006/01/14/el-problema-de-monty-hall/



VÉMONOS O MÉRCORES NO RECREO!!